05/03/2015
EFICIENCIA ENERXÉTICA
– Resalta a importancia da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 de cara a “reinventar a industria galega na procura dunha Galicia máis competitiva, máis exportadora e máis eficiente”.

– Avoga por seguir impulsando a eficiencia enerxética como clave para manter a competitividade do tecido empresarial galego.

– Destaca a posta en marcha, este ano, dunha nova convocatoria do programa de aforro e eficiencia enerxética na industria, que espertou un “gran interese” nas empresas galegas con máis de 400 solicitudes.

– Na aposta polas fontes renovables, apunta a ampliación en 2,6 millóns da orde para a implantación de caldeiras de biomasa ata sumar 12 millóns en 2015.

– Avanza dous novas liñas para a xeotermia, e para a aerotermia e a solar térmica, que se encadran nun novidoso Plan de eficiencia na vivenda galega que destina este ano preto de 5 millóns á mellora das infraestruturas e ás fontes renovables.

Santiago, 5 de marzo de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, clausurou hoxe no Mupega a xornada A eficiencia enerxética na industria galega. Cara a fábrica intelixente, organizada con motivo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética. Durante a súa intervención, Conde subliñou a importancia de adoptar medidas neste eido, o que ten permitido á industria galega aforrar máis de 80 millóns de euros durante os últimos 6 anos grazas aos programas impulsados polo Inega. Deste xeito, incidiu, a eficiencia enerxética configúrase como o “motor máis importante para que a nosa industria sexa competitiva”, converténdose nunha “panca fundamental” para o desenvolvemento e implantación da fábrica intelixente.

“As nosas empresas traballan na dirección axeitada, e desde o Goberno galego queremos crear o ecosistema adecuado”, apuntou Conde, sinalando para isto a importancia da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0. Este documento, explicou o conselleiro, está a ser consensuado cos axentes implicados e persegue “reinventar a industria galega na procura dunha Galicia máis competitiva, máis exportadora e máis eficiente”.

Esta axenda, proseguiu Conde, “sitúa á fábrica intelixente no centro do seu ecosistema”. Unha fábrica na que conviven máquinas e persoas e que, segundo destacou, “aspira a facer pensar a súa produción para manter a competitividade”, e na que “a eficiencia enerxética é punto de partida e eixo básico”.

Por este motivo, o titular de Economía e Industria lembrou que nos últimos anos o Goberno galego ten desenvolvido diferentes iniciativas, cooperando co tecido empresarial da Comunidade na implantación de maquinarias máis rendibles ou no impulso de fontes renovables. “Uns resultados que se reflicten na diminución dos custos da factura enerxética e, por ende, no incremento da competitividade das nosas empresas”, explicou.

Neste contexto, Conde resaltou a posta en marcha, este ano, dunha nova convocatoria do programa de aforro e eficiencia enerxética na industria, que espertou un gran interese nas empresas galegas con máis de 400 solicitudes. Un programa que, sinalou, sitúase na liña da Axenda da Competitividade Industrial, achegando como principal novidade o apoio á implantación de sistemas de procesado avanzado de datos e intelixencia artificial aplicados á optimización do consumo enerxético, no camiño cara á fábrica intelixente. O obxectivo é que as industrias conten con programas capaces de reaxustar, de xeito sistemático, algúns dos seus parámetros en función das experiencias pasadas co obxecto de optimizar o consumo.

Impulso das fontes renovables
Esta aposta continua polo aforro e a eficiencia enerxética na industria, apuntou o conselleiro, esténdese a outros eidos entre os que destaca o impulso dun modelo baseado no fomento das enerxías renovables.

“Estamos a desenvolver unha Estratexia Integral de Impulso da Biomasa Forestal con fins térmicos coa que aspiramos a crear unha nova industria vinculada ao rural galego”, sinalou Conde, avanzando que, ante a boa acollida do programa para a implantación de caldeiras de biomasa, o Goberno galego vén de aprobar unha ampliación orzamentaria chegando aos 12 millóns de euros neste exercicio.

Un esforzo que, segundo explicou, faise extensible este ano á xeotermia, a aerotermia e a solar térmica, que contan con preto de 1,4 millóns para a súa implantación nos fogares, nas empresas e na propia administración pública galega.

Compartir en: